domingo, 27 de marzo de 2011

UN POUCO DE LITERATURA

Cabe na túa gorxa? Por Xosé M. Eyré



Se non vas moi cego pódelo ler: menos subvencións militares, e máis birras nos bares. E cousas polo estilo. Hai paredes que berran así polo noso país adiante. Adiante, berra, rapaz, ti con esa parede indignada porque te afixeron a calar. Calar non cales, hai que berrar moito para que te escoiten, tamén para sentirse libre. Libre para? Para cambiar coche, para cambiar de look, para alugar un dvd que mate o tempo, para ir ao fútbol, para facer zapping, para comprar máis barato, para ter teléfono móbil, para xogar videoxogos, para comer hamburguesas, para beber cocacola, para coller lotaría, para ir ao cinema morteamericano, para non ir á misa, para esquecer, para mocear, para deixar a moza, para marchar da casa, para casar, para ir ao paro, para a hipoteca, para o condón, para divorciarte, para presumir, para ignorar, para mentir, para morrer, para ir á guerra, para participar nunha ong, para odiar, para tatuarte, para cagarte, para envexar, para que te manipulen, para non producir máis leite, para non pescar máis peixe, para emigrar, para seleccionar banco, para abrirte ou quedar no sofá, para emocionarte, para aburrirte, para emborracharte, para cantar e bailar, para copiar, par latar, para chegar tarde, para fumar, para perder, para ter segredos, para raparte a cero, para deixar guedellas, para escoller hipermercado, para botar por fóra, para deprimirte, para ser egocéntrico, para ser hipócrita, para pecar, para que te estafen, para desfasar, para ir á praia, para comer cos dedos, para botar peidos, para seducir, para namorarte, para entrar, para saír, para desprezar aos demais, para operar o nariz, para soñar, para practicar nudismo, para tirarte das pontes, para matar paxaros, para derrapar na moto, para chatear, para non probar o caldo, para cambiar de nome, para levar minisaia, para non escoitar, para facer a mona, para rirte de todo, para cruzar a rúa, para saír do armario, para ir de putas, para putear a quen queiras, para obedecer, para pasar de todo.


Que grande é a liberdade, meu! Porque ti es libre. Es libre? Es libre?



Infoxove número 11, marzo de 2007

8 comentarios:

  1. "Todos somos culpables" é unha parede cunha certa mensaxe recriminatoria que vexo cada día que vou a facultade... xD

    ResponderEliminar
  2. pois é unha pintada curiosa, (mais que nada pq non suelen abundar as frases que se prestan á reflexión e sí insultos e cousas semellantes)...gustoume si.

    ResponderEliminar
  3. Fixeime hoxe e a deberon borrar esta semana... ainda que estiveron prestos e puxeron outra que reza: "Ninguna persona es ilegal"...

    ResponderEliminar
  4. cada vez escribes máis coma o desaparecido da Z...será que se vos pega...
    En ourense nas últimas que me fixei eran sobre a visita do papa ...e non de benvida precisamente...penso que non hai moitas productivas...

    Si me gustan os versos de Neruda que están na Estrada nun muro antes do scala...

    ResponderEliminar
  5. Tiven que ler o texto dúas veces, a segunda para ir pensando o que se podería facer sen ser xulgado polos demais. Que en moitas circunstancias nos inflúe o que poidan pensar de nós se facemos tal cousa. Hai persoas que incluso non toman segundo que decisións só polo feito do "que dirán". Polo tanto está claro que non somos libres, vivimos en liberdade, si, pero as nosas decisións en moitas ocasións (na maioría creo eu) están condicionadas por factores alleos á nosa vontade real.

    Por unha cousa ou por outra deixamos de facer algo con bastante frecuencia, polo menos no meu caso. Todos temos soños e ilusións, aínda que tamén son consciente de que non os vou poder levar a cabo todos. En teoría son factibles, non vaiades pensar que é ir á lúa ou algo así, aínda que mal tampouco estaría; pero sei que sempre haberá algo no camiño. A túa vida non só depende de ti, todo o que está ao noso arredor nos inflúe, dunha ou doutra maneira, para tomar decisións ou levar a cabo algo. Eu polo menos non coñezo a ninguén que fixera todo o que lle dera a gana, persoalmente eu tampouco podo decilo, espero que haxa alguén que si... felicitaría@s, sodes vós algún deles? Un si por resposta estaría moi ben.

    Eu nas pintadas non me fixo, as veces que o fixen poñían as típicas chorradas que en xeral son as que abundan.

    Noraboa polo artigo, unha vez máis que me costou explicarme, na miña cabeza as ideas veñen todas xuntas pero á hora de escribilo resúltame máis complicado. Igual é que estou pouco inspirada ultimamente pero o texto é moi bo.

    ResponderEliminar
  6. acabasme de recordar que alguén dixo:

    -só na adolescencia se pode ser libre

    Non lembro se eran as palabras exactas,pero referianse a que só na adolescencia somos plenamente fieis ós nosos propios ideais...

    Cousa coa que non estou de acordo,pois anque é unha etapa de rebeldía e experimentación asi como de formación da nosa personalidade creo que tamén somos moi influenciables,e cada vez máis

    ResponderEliminar
  7. Eu creo que nunca somos plenamente libres, dende pequenos xa nos educan condicionados polo pensamento e ideais dos nosos pais, nais ou titores. Cando empezas a ser algo máis independente, a plantexarte dudas e a cuestionar segundo que cousas, nese momento hai unha maior apertura ao mundo pero aínda así sigo a pensar que sempre, ou na gran maioría das veces, hai algo que condiciona os actos directa ou indirectamente.

    ResponderEliminar
  8. comentario moi interesante e certo, desde logo. anque nos coste recoñecelo, cantas veces nos manipulan sen darnos conta!!!!!a tele,as modas...pero está ben replantexarnos cousas,a pesar de todo. Anque non o fagamos moi a miúdo e pareza q as novas xeracións inda o fagan menos ca nós...

    ResponderEliminar