Cabe na túa gorxa? Por Xosé M. Eyré
Se non vas moi cego pódelo ler: menos subvencións militares, e máis birras nos bares. E cousas polo estilo. Hai paredes que berran así polo noso país adiante. Adiante, berra, rapaz, ti con esa parede indignada porque te afixeron a calar. Calar non cales, hai que berrar moito para que te escoiten, tamén para sentirse libre. Libre para? Para cambiar coche, para cambiar de look, para alugar un dvd que mate o tempo, para ir ao fútbol, para facer zapping, para comprar máis barato, para ter teléfono móbil, para xogar videoxogos, para comer hamburguesas, para beber cocacola, para coller lotaría, para ir ao cinema morteamericano, para non ir á misa, para esquecer, para mocear, para deixar a moza, para marchar da casa, para casar, para ir ao paro, para a hipoteca, para o condón, para divorciarte, para presumir, para ignorar, para mentir, para morrer, para ir á guerra, para participar nunha ong, para odiar, para tatuarte, para cagarte, para envexar, para que te manipulen, para non producir máis leite, para non pescar máis peixe, para emigrar, para seleccionar banco, para abrirte ou quedar no sofá, para emocionarte, para aburrirte, para emborracharte, para cantar e bailar, para copiar, par latar, para chegar tarde, para fumar, para perder, para ter segredos, para raparte a cero, para deixar guedellas, para escoller hipermercado, para botar por fóra, para deprimirte, para ser egocéntrico, para ser hipócrita, para pecar, para que te estafen, para desfasar, para ir á praia, para comer cos dedos, para botar peidos, para seducir, para namorarte, para entrar, para saír, para desprezar aos demais, para operar o nariz, para soñar, para practicar nudismo, para tirarte das pontes, para matar paxaros, para derrapar na moto, para chatear, para non probar o caldo, para cambiar de nome, para levar minisaia, para non escoitar, para facer a mona, para rirte de todo, para cruzar a rúa, para saír do armario, para ir de putas, para putear a quen queiras, para obedecer, para pasar de todo.
Que grande é a liberdade, meu! Porque ti es libre. Es libre? Es libre?
Infoxove número 11, marzo de 2007