martes, 17 de mayo de 2011

UN POUCO DE LITERATURA

Mario regueira
Dos distintos xeitos de arrotar en público
Dentro do grande e inmenso mundo que compón a literatura sempre me resultaron rechamantes dous espécimes distintos de pedantes. O primeiro deles é o que é incapaz de escribir tres liñas sobre algo sen citar até os arrotos do chachi pensador posmoderno de moda ou o último superpoeta kosovar. Este prototipo de pedante caracterízase porque a miúdo pensa que é o único ser con ollos, e por tanto o único capacitado para ler, e aínda para interpretar o lido. Ás veces é difícil facerlle entender que non é que non valores os arrotos, senón que por unha simple cuestión de amor propio, prefires ocuparte dos teus, que ao cabo son parte da túa propia dixestión e non da dos demais.
De todos xeitos, peor tipo son os segundos, os que remiten a súa enorme pedantería, non ás súas lecturas, senón á súa presunta carencia delas. Nos últimos anos distintos autores veñen de reivindicar a súa ignorancia sobre o sistema literario no que están inseridos, e algúns mesmo sobre a literatura en xeral. Mesmo algún escritor de sona ten erguido ese feito como unha suposta distinción xeracional. Os novos non len, descoñecen o seu pasado literario e iso convérteos en seres liberados del e capaces de levar adiante unha renovación normalizadora que lles foi negada aos devanceiros.
Os ollos no mundo rapaces, alén desta provincia.
Creo que parte destes pedantes sono do peor xeito posíbel, aínda que tamén do que menos consecuencias graves pode traer ao sistema literario.Falo de pose intelectual. Sinxelamente é a aplicación, referida á literatura,do que un mestre meu chamaba “o autobús de Gregorio”. Gregorio era un compañeiro seu de clase ao que nunca se vira estudando máis que nos dez minutos de traxecto entre a súa casa e o colexio, tempo que parecía bastarlle par sacar as mellores notas da clase. Porque para a completa fascinación non chega co triunfo, senón que é necesaria unha completa carencia de esforzo. Facerse un lugar nun sistema literario sen coñecelo adscríbelle inmediatamente á obra un certo valor universal. Como na canción de Sinatra, se triunfou aquí pode facelo en calquera lado. Claro que existe o perigo doutra lectura, a de que o sistema literario galego traga con todo o que lle boten.
E despois arrota.
Porén, existe unha outra parte deses pedantes dos que non podemos dubidar que  efectivamente descoñecen toda literatura que os precedeu, e non só a máis vella, senón mesmo a de vinte anos a esta parte. É unha pedantería que esta chea dun perigo temerario, e que ninguén pense que falo de respeitar a nosa memoria étnica, ou os nosos benqueridos devanceiros literarios. É que tanto para idolatrar a alguén como para a máis honrosa actividade de botalo por terra é necesario coñecelo antes. Cando Manuel Antonio fai a súa renuncia aos grandes do Rexurdimento, entre eles a intocábel Rosalía, faino con coñecemento de causa, tras ler a súa obra e xulgar que xa estaba desfasada.
Pero non só por iso é perigosa a ignorancia. Descoñecer a determinados autores sería, de feito, o menos grave. A desmemoria ten o enorme risco engadido de que tamén leva a descoñecer a súas impugnacións. Podemos cuspir no retrato de Otero Pedrayo ou facer croquetas coa momia de Castelao e sentirnos os máis chachis do barrio, e todo sen saber que iso mesmo xa se fixo nos oitenta, e dun xeito bastante innovador, cousa que hoxe resultaría imposíbel. E claro, de aí veñen despois os revivals, as reinterpretacións e os pastiches. O peor é que, polo que parece, son inconscientes. E ao sistema literario, e dentro deste aos lectores, repítelles a comida, que outra vez son croquetas, e se cadra de aí veñan despois
os arrotos.

3 comentarios:

  1. quedou algo extenso,pero hoxe é un dia de letras,asique espero que o sacrificio valga a pena

    ResponderEliminar
  2. Home, pois me fixo gracia o artigo... e sobre todo esa lei universal que é a aproximación ao teorema do autobús de Gregorio, jajajaja...

    Destes "pedantes" hainos tamen en moitos eidos, por exemplo, no cine: ¿canta xente opina de películas que non veu e que non pensa ver, e a veces de forma contundente, só por lerse críticas máis ou menos elaboradas e atención, obxectivas por ahi?... pois é máis ou menos o mesmo... e en canto ao susodito teorema, ¿que che vou a dicir?, se algo che sae ben e por riba o fas sen esforzo (ou ben non o demostras) pois moito mellor nesta nosa sociedade... XD

    Para rematar, non teño máis ca dicir que eu sempre abogo pola lectura, un pracenteiro e agradable hobby... XD

    ResponderEliminar
  3. Non me parece para nada un artigo extenso, e teño ganas de poder decir eso algunha vez, pero para iso tería que ser dunha temática que realmente me parecera moi aburrida. Coa ausencia de lector@s que hai nos últimos tempos, está moi ben que aínda haxa persoas que a apoiemos na súa particular crise.

    Estou de acordo, resabidos hainos en moitos ámbitos pero como ben nos dixo un profesor, para poder criticar algo primeiro hai que coñecelo así como para poder entender o presente, fai falla coñecer o pasado. E isto é aplicable en varias situacións. Ao igual que o do esforzo, canta razón, aínda recordo cando había xente que presumía de sacar x nota con x horas de estudo. Non entendo porque está mellor visto a suposta ausencia de esforzo que o tempo adicado a unha actividade para levala a cabo da mellor maneira posible. A facilidade en certas cousas está moi ben pero iso non quita mérito ningún a outras actividades que requiran un maior investimento de tempo e esforzo pola nosa parte.

    ResponderEliminar